Fervello

Cursos intensivos de teatro

Ofrecemos cursos dunha semana de duración, dirixidos a grupos de nenos e nenas, ou a xente adulta. A formación está deseñada tanto para aquelas persoas que xa tiveron algún contacto coa interpretación, como para as que se achegan por primeira vez ó mundo do teatro.

 

As clases son impartidas por profesionais con ampla experiencia nos ámbitos teatral e docente, que se encargan de seleccionar coidadosamente os contidos. Ó longo das diferentes xornadas, desenvólvense dinámicas de expresión corporal, improvisación, voz e construción de personaxes; para rematar interpretando pequenas escenas.

 

O enfoque do curso é eminentemente lúdico, xa que o mellor xeito de achegarse ó teatro é desde unha actitude de xogo e diversión. Esta formación busca proveer ós alumnos e alumnas de ferramentas interpretativas, ó mesmo tempo que favorece o traballo en equipo, desenvolve a creatividade e mellora as capacidades comunicativas. Se queredes que o voso grupo traballe estas habilidades ou, simplemente, que descubra unha nova actividade de tempo libre, contactade con nós.

 

Outros cursos

Ademais das clases de Interpretación, tamén é posible contratar cursos doutras disciplinas ou materias vinculadas á Arte Dramática: Dramaturxia, Dirección, Voz, Escenografía… Solicitade máis información sen compromiso.

 

Programas educativos

Tamén deseñamos programas educativos que vinculan o teatro co currículo escolar, facilitando a aprendizaxe doutras materias a través da práctica escénica. Neste caso, o teatro funcionaría como ferramenta pedagóxica ó servizo da disciplina que se considere oportuna. Este tipo de iniciativas enriquecen a educación formal ó tempo que estimulan o interese polas artes nos máis novos/as.