Visitas dramatizadas a Museos
As nosas visitas dramatizadas buscan ofrecer ó público unha experiencia inmersiva, mediante accións escénicas creadas especificamente para as exposicións. Esta iniciativa xorde como resposta á evolución dos museos na actualidade, que pretenden ser algo máis que simples depósitos de obxectos históricos ou artísticos, e aspiran a converterse en espazos de encontro cultural e educativo.
As accións escénicas realizadas durante a visita ó museo poderán ter un carácter teatral ou estar máis vinculadas ó movemento e á danza, en función do que se considere máis axeitado para cada exposición en cuestión. O contido da actividade abordará as temáticas das pezas expostas, aportará datos sobre o contexto histórico das mesmas, ou centrarase nos artistas que as crearon, co fin de levar a cabo unha labor divulgativa.
O obxectivo destas visitas dramatizadas —máis alá da achega de información— é actuar como ponte para facilitar a conexión emocional coas obras exhibidas, e atraer á xente ós museos.








